O Concello de Viveiro celebrará este venres a súa tradicional Cabalgata de Reis
O Concello de Viveiro celebrará mañá venres, día 5 de xaneiro, a súa tradicional Cabalgata de Reis que este ano chega chea de novidades, de maxia e de sorpresas.
A xornada de mañá inclúe ademais da cabalgata dous roteiros de Nadal no Vivertren, con saída pola mañá ás 12:00 horas desde a estación de autobuses. Pola tarde, sairá ás 17:30 horas desde a piscina municipal cuns viaxeiros e viaxeiras moi especiais.
Como é habitual, a comitiva real con Melchor, Gaspar e Baltasar sairá ás 17.30 horas nunha ruta que parte do Porto de Celeiro, Covas e Viveiro polo paseo marítimo. A Banda da Misericordia amenizará o paso da Cabalgata polas rúas da vila.
“Dende o Concello de Viveiro animamos a todos os veciños e veciñas, e aos visitantes a que se acheguen ao noso municipio para desfrutar da Cabalgata e do ambiente de Nadal”, subliña a alcaldesa, María Loureiro. “Recibiremos aos Reis Magos nunha tarde chea de maxia que de seguro ilusionará aos nenos e nenas de Viveiro”, engade a rexedora.
Ao finalizar o percorrido, os Reis Magos falarán a todos os presentes dende o balcón da Biblioteca Municipal e recibirán despois aos nenos e nenas da vila na sala multiusos do Concello de Viveiro.
Dende as 18:00 horas haberá tamén animación músical na Praza Maior para amenizar a espera da chegada dos Reis e a recepción.
Só no caso de que non puidese saír a Cabalgata polo mal tempo, o concello ten previsto un plan alternativo que consistirá nun acto cos Reis Magos no Teatro Pastor Díaz. O concello informará con antelación nas súas redes sociais se considera necesario realizar este cambio.
Durante o transcurso da cabalgata haberá cortes de tráfico momentáneos e desvíos por vías alternativas.
Para garantir a seguridade dos centos de persoas que asistirán, o Concello de Viveiro ten preparado un dispositivo especial, que se encargará de velar polo correcto desenvolvemento do evento.