O Concello de Viveiro axiliza o pago de facturas a proveedores
O Concello de Viveiro mantivo operativos todos os servizos municipais sende que se decretou o Estado de Alarma e un dos obxectivos fixados, atendendo á situación, foi acelerar o pago de facturas pendentes.
Con este propósito, realizáronse unha cantidade importante de pagos, sobre os cales se informa puntualmente aos voceiros municipais nas reunións semanais convocadas pola alcaldesa, María Loureiro. O goberno municipal considera que esta é a liña a seguir e continuará axilizando os trámites e pagando tan rápido como sexa posible, dándolle liquidez ao tecido empresarial e os autónomos.
Dende o pasado 1 de marzo, o Concello de Viveiro aprobou un total de 1.245 facturas en virtude das cales se realizaron pagos a proveedores por un importe de 1.367.801,44 euros. Dende que se declarou o Estado de Alarma e se decretou o cese da actividade en diferentes ámbitos empresariais, o concello realizou un esforzo importante para axilizar na medida do posible este tipo de expedientes, considerando que é unha maneira de axudar ás empresas nestes difíciles momentos.
Así mesmo, dende o pasado 15 de marzo, o concello realizou 45 pagos por un importe total de 11.204,19 euros en concepto de emerxencias sociais, incluíndo tanto pagos directos a persoas en situación de vulnerabilidade como para a adquisición dos alimentos que o concello está a repartir entre as familias que o necesitan.
Ambas cifras son unha boa mostra do traballo que o Concello de Viveiro vén realizando dende a declaración do Estado de Alarma, neste caso no ámbito económico e social, co obxectivo de paliar as consecuencias desta crise.