O Concello de Viveiro aposta polo vínculo entre comercio local e lingua galega

AMariñaXa
Como parte desta iniciativa entregaranse aos comercios locais adhesivos con frases en galego
VIVEIRO-17-DEC-Comercio-Nadal
18 Dec 2024

Preséntase a campaña de Nadal para promover o comercio local e o uso do galego en Viveiro, por parte da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Promoción Económica. Como parte desta iniciativa, entregaranse aos comercios locais adhesivos con frases en galego, co obxectivo de reforzar a identidade cultural do municipio e o vínculo entre comercio de proximidade e lingua galega.

Os establecementos membros da Asociación de Comerciantes do Casco Histórico de Viveiro recibirán estes adhesivos directamente a través da entidade, mentres que o resto dos negocios do municipio irán recibindo o material de forma progresiva mediante o reparto organizado polo Concello.

Tamén haberá opción de recoller os adhesivos no Rexistro Municipal, para aqueles comercios que desexen empregalas antes. Estes inclúen diversas mensaxes en galego relativas ao Nadal.

A tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez destacou que “esta campaña pon en valor o compromiso do Concello co comercio local, un sector clave na dinamización económica, e coa nosa lingua e cultura, que nos definen e nos unen como comunidade”.

"Queremos que o galego sexa un elemento central nas festas e que os nosos agasallos reflictan o orgullo pola nosa identidade”, sinalou pola súa banda a concelleira de Promoción Económica, Iria Cotelo. "As pegatinas servirán para darlles un toque único e especial", engade.

0.13807988166809