O Concello de Viveiro aposta pola modernización da Praza de Abastos
A Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Comercio, que dirixe Iria Cotelo, comunica que o Concello de Viveiro vén de recibir unha subvención fundamental para a modernización da Praza de Abastos, reforzando así o seu compromiso co impulso económico e comercial da vila.
Este proxecto, que se inicia tras un minucioso estudo de actividades e usos do mercado e un anteproxecto xa completado, ten como resultado a creación da nova ‘Praza da Pescadería’. Esta proposta foi presentada recentemente ás e aos praceiros, garantindo un proceso participativo e transparente.
O proxecto de mellora das instalacións prioriza a venda de peixe, destacando non só pola súa presenza maioritaria na praza, senón tamén pola súa recoñecida calidade e diversidade. “Na nosa praza atopamos o que outras non teñen”, destaca a concelleira Iria Cotelo, subliñando a importancia de valorizar e potenciar este recurso local.
Entre as melloras propostas, destaca a introdución de novas posibilidades para a venda, como bancadas móbiles, ideais para ofrecer produtos da horta ou mel, e postos itinerantes e temporais que achegarán maior dinamismo e diversidade á oferta.
Ademais, o proxecto contempla a incorporación de dous postos fixos e un espazo de restauración onde se poderán degustar os produtos frescos da praza, atraendo tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.
Esta iniciativa forma parte da estratexia de revitalización e modernización do tecido comercial de Viveiro, que busca adaptarse ás novas tendencias e necesidades, mantendo ao mesmo tempo a esencia e a tradición do mercado local.
O goberno local segue traballando para materializar estas melloras e consolidar a Praza da Pescadería como un punto de referencia para a economía local e un símbolo de calidade e innovación.
A subvención concedida ao Concello de Viveiro para a renovación da Praza de Abastos, enmarcada na Orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ascende a un total de 16.320 euros, o que representa o 80 % do investimento subvencionable de 20.400 euros.
Esta axuda cubre diferentes fases do proxecto, como o mentoring (1.920 euros), a diagnose da situación e usos do mercado (8.000 euros), e a documentación técnica para a obtención do distintivo de mercado excelente (6.400 euros).