O Concello de Viveiro anuncia novo fraccionamento da taxa de uso das terrazas da hostelería

AMariñaXa
O pagamento fraccionado poderá ser solicitado ata o día 13 de xaneiro
casa-do-concello-de-viveiro
5 Jan 2025

Os establecementos hosteleiros poderán pagar de xeito fraccionado en prazos a Taxa por ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras e outros elementos análogos con finalidade lucrativa. Así o anunciou o Concello de Viveiro que indica que este fraccionamento foi acordado co sector hosteleiro da localidade nunha reunión mantida coa alcaldesa María Loureiro, a Concelleira de Comercio viveirense Iria Cotelo e o Concelleiro de Facenda do municipio Jesús Fernández.

O pagamento fraccionado poderá ser solicitado ata o día 13 de xaneiro. Neste caso, os cargos realizaranse en tres prazos, cada un do 33,33 % do total: o 21 de xaneiro, o 21 de marzo e o 21 de abril. No caso de que o cobro do primeiro prazo sexa devolto por parte da entidade financeira, o pagador quedará obrigado a abonar a totalidade do recibo no período ordinario de pagamento, perdendo desta maneira posibilidade de pagar de xeito fraccionado no segundo e no terceiro prazo.

Para quen non opte por esta modalidade, o período de pago voluntario da taxa por uso das terrazas estará dispoñible entre o 10 de xaneiro e o 10 de marzo de 2025.

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo de mañá, sábado 4 de xaneiro, incluirá o Padrón Fiscal desta taxa. Con esta publicación ábrese o periodo de exposición pública por espazo de 15 días hábiles, é dicir, do 7 ao 27 de xaneiro de 2025. As persoas titulares de terrazas poden dirixirse á Oficina de Tesourería do Concello de Viveiro para consultar os importes asignados, realizar modificacións, solicitar aclaracións ou obter máis información.

María Loureiro quixo lembrar que "durante tres anos, con motivo da pandemia do Covid 19, o Concello de Viveiro eximiu á hostalería deste pago durante un periodo de tres anos".
Pola súa banda, Iria Cotelo apuntou que "o fraccionamento desta taxa foi froito do consenso acadado entre o Concello e a hostelería de Viveiro, polo que agardamos que sexa satisfactorio para todos os establecementos". Por outra parte, dende a Concellería de Comercio dirixida por Cotelo infórmase de que xa se poden tramitar as solicitudes de terrazas para a anualidade 2025.

0.16504716873169