O Concello de Viveiro amplía o servizo de praias para este verán
O servizo de praias do Concello de Viveiro será, por primeira vez, do 1 de xuño ao 30 de setembro. “Ampliamos este ano un mes o servizo de praias, que inclúe a apertura dos aseos, a limpeza diaria dos areais, o desbroce do paseo marítimo en Area e Covas, os cribados e a colocación das pasarelas de acceso ás praias”, explica a tenenta de alcaldesa do Concello de Viveiro e responsable da área de medio ambiente, Míriam Bermúdez.
Viveiro espera un verán de alta ocupación e o Concello quere dar o mellor servizo tanto á veciñanza como aos turistas. “Ademais, poñemos en marcha novas medidas para protexer as dunas da praia de Area, cumprindo cos criterios requeridos para a bandeira azul e a Q de Calidade”. Entre as actuacións de protección, está a retirada de tres duchas que están na duna reubicando unha no paseo e, por outra parte, este verán non se vai facer nada para cambiar o transcurso do río, ao estar prohibido por Medio Ambiente. Por outra parte, os colectores de lixo estarán nos accesos ao areal.
“Para protexer a duna de Area, desde o concello solicitamos unha subvención para a retirada de especies invasoras, substituíndoas por especies autóctonas”, afirma Míriam Bermúdez. Ademais, estase valorando coa Demarcación de Costas o estudo dun proxecto para a duna da praia de Covas, cunha actuación que permitirá retirar tamén as invasoras. Está pendente a contratación de persoal socorrista para o verán, xa que o Concello está á espera da convocatoria anual da Xunta para a contratación deste tipo de persoal, que a día de hoxe aínda non está publicada.