O Concello de Viveiro alerta de que a incerteza da Deputación pon en risco o Belén xigante de Nadal

O Concello de Viveiro fixo pública a súa preocupación pola falta de definición arredor da instalación do Belén xigante, unha tradición consolidada durante anos en colaboración coa Deputación de Lugo e que se converteu nun dos principais reclamos turísticos e culturais das festas do Nadal.
A tres meses de que chegue o período festivo, aínda non se sabe se a Deputación manterá o apoio económico á iniciativa, o que compromete seriamente a súa celebración. “Falamos dun evento que vai máis alá das connotacións relixiosas: supón un impulso económico para o comercio local e un atractivo esencial para toda a vila”, subliñan desde o goberno municipal.
O executivo local lembra que leva meses solicitando unha reunión coa Deputación para tratar este e outros asuntos de interese para Viveiro, sen obter resposta. “É preciso saber canto antes se este Nadal poderemos contar co Belén xigante, porque hai unha empresa encargada da súa montaxe que necesita planificar o traballo, e tamén porque a veciñanza agarda seguir gozando dun símbolo que xa forma parte da identidade colectiva de Viveiro”, engaden.
Desde o Concello destacan a súa disposición ao diálogo e á cooperación: “Estamos abertos a buscar alternativas ou a que a Deputación articule directamente a colaboración coa Asociación de Amigos do Casco Vello, que cada ano se implica na instalación do Belén, ou mesmo coa Asociación de Comerciantes, se así o estima oportuno”.
“O noso único obxectivo, compartido tanto pola Asociación de Amigos do Casco Vello coma pola Asociación de Comerciantes, é que Viveiro poida seguir contando cun Belén xigante que durante décadas foi un sinal de identidade e un referente turístico e cultural das festas”, conclúe o goberno municipal.