O Concello de Viveiro activa o convenio para a xestión da biomasa e a retirada de árbores
O Concello de Viveiro activa o convenio para a xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas asinado coa Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincia (Fegamp) e Seaga.
“Xa no ano 2019 promovimos desde a Alcaldía a subscrición dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, Fegamp e Seaga co obxectivo de cumprir coas obrigas municipais de prevención e defensa contra os incendios no municipio”, lembra a alcaldesa, María Loureiro.
En virtude do mesmo, no ano 2020 aprobouse o Plan municipal de Prevención e defensa contra os Incendios forestais do Concello de Viveiro, definindo as franxas secundarias de xestión da biomasa e retirada de especies prohibidas.
Isto permitiu ao Concello iniciar os requirimentos aos propietarios das fincas cando non cumpren coa obriga anual de limpeza que impón a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Este Plan municipal, publicado no BOP de Lugo o 23 de outubro de 2020, identifica un total de 10.641 parcelas situadas nas franxas secundarias de xestión de biomasa.
Coa finalidade de conseguir unha xestión eficaz das franxas e tendo en consideración o elevado número de parcelas pendentes de limpeza, habilitouse para os cidadáns un visor cartográfico na páxina web do Concello de Viveiro no que pode consultarse a afección das parcelas mediante búsqueda por referencia catastral.
En tanto o número de parcelas afectadas, cuxa limpeza non foi executada polos propietarios, resulta moi elevado, desde o Departamento de Urbanismo activouse o Convenio para as tarefas de inspección, notificación aos propietarios e, no caso de incumprimento, a execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas pola Lei 3/2007.
A alcaldesa de Viveiro aclara que “os particulares propietarios destas parcelas recibirán proximamente unha comunicación de Alcaldía requirindo a realización das correspondentes tarefas de limpeza, outorgándolles o prazo legal que establece a lei de 15 días naturais para a execución voluntaria dos traballos”.
Só no caso de incumprimento se decretará a execución subsidiaria dos traballos, sendo neste caso executada e xestionada por Seaga, con custe a cargo dos propietarios.
Nos próximos días os cidadáns poderán consultar, asemade, as parcelas incorporadas nesta campaña de prevención de incendios desde o Taboleiro de Anuncios municipal da Sede electrónica do Concello de Viveiro.
A estreita colaboración entre a Alcaldía e a Concelleira de Medio Ambiente suporá unha axilización dos trámites pendentes de realización, xa que o seguimento dos procedementos realizarase dende o Departamento de urbanismo.