O Concello de Viveiro acondiciona o parque Pernas Peón
O Concello de Viveiro acometeu nas últimas datas diferentes traballos de acondicionamento e mantemento do parque Pernas Peón.
Entre as tarefas realizadas, “están a limpeza do estanque, as pasarelas e as fontes cunha máquina de presión, a recollida de lixo e a poda de ramas en mal estado”, explica Miriam Bermúdez, tenente de alcaldesa e responsable de Obras de Viveiro, que adianta que "está previsto acondicionar os camiños afectados polas choivas".
Desde o concello solicítase a colaboración veciñal para manter o parque en boas condicións, utilizando as papeleiras dispoñíbeis e coidando o mobiliario urbano.
“Un dos obxectivos do noso goberno é revitalizar este parque, para o que se están organizando as actuacións necesarias que permitan renovalo coa plantación de árbores e flores, así como a posta en marcha de espazos de convivencia e xogo. É un obxectivo ambicioso que conlevará a solicitude de subvencións, para o cal se está traballando”, engade Bermúdez.