O Concello de Viveiro abrirá proximamente a licitación dos postos na praza de Abastos
A Concellería de Mercados do Concello de Viveiro informa ás persoas interesadas en ser adxudicatarias dun posto na praza de Abastos que está previsto publicar a súa licitación nas vindeiras semanas.
A concelleira Iria Cotelo destaca que antes de licitar os postos “foi preciso realizar unha primeira valoración do estado do edificio e dos posibles usos do mercado, de cara a realizar unha reforma integral da praza de abastos”.
"Tras realizar esta primeira valoración, podemos anunciar que nas vindeiras semanas sairán a licitación os postos da praza, unha boa nova agardada por todos e todas, xa que esta é unha das grandes demandas do colectivo praceiro e da veciñanza”, sinala Cotelo.
Como se informou anteriormente, as bases presentaranse modificadas, de cara a “obter unha maior diversidade no tipo de produtos da praza, así como mellorar a ordenación e os usos do mercado”, explica a concelleira.
“Estou convencida de que o tempo empregado en realizar estas valoracións e modificacións terá o seu froito, co obxectivo máis inmediato de conseguir adxudicar todos os postos, que non queden descubertos como pasou noutras ocasións", afirma.
Os traballos que está a realizar a concelleira de Comercio e Mercados van encamiñados a “entrar na Rede de Mercados Excelentes, e que Viveiro conte nun futuro próximo cunha praza de Abastos dinámica, revitalizada e reformada”, explica.
Dende a Concellería sinalan tamén que volverán informar á cidadanía e ás persoas interesadas do momento da publicación da licitación.