O Concello de Trabada valora crear un albergue na rúa de San Roque
O Concello de Trababa expresa que é consciente do cada vez maior impacto do Camiño do Norte e pretende mellorar os servizos que lle presta aos peregrinos e peregrinas que pasan polo municipio.
O concello proxecta a posta en marcha dun albergue na rúa de San Roque, para o que solicita a colaboración da Axencia de Turismo de Galicia.
Nunha carta enviada ao director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o alcalde de Trabada, Rubén García, explícalle que “o núcleo do noso concello está xusto na metade da etapa que une Vegadeo con Mondoñedo, que conta con 38 quilómetros”.
“No quilómetro 19,5 está o núcleo de Trabada e temos un edificio na rúa de San Roque no que queremos poñer en marcha o albergue, un inmoble que necesita unha reforma pero que consideramos que pode ser idóneo para unhas instalacións deste tipo”, engade Rubén García.
Por este motivo, o alcalde solicita na carta “unha reunión para explicarlle o proxecto e valorar a opción dunha colaboración entre o concello a Axencia de Turismo de Galicia”.