O Concello de Trabada solicita unha subvención para mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público

O Concello de Trabada vén de presentar unha nova solicitude de subvención á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, co obxectivo de financiar a substitución de luminarias en varios núcleos do municipio. A medida, que forma parte do seu compromiso coa mellora da eficiencia enerxética e o aforro no consumo eléctrico, ten un orzamento superior aos 50.000 euros.
O proxecto prevé a renovación do alumeado público en O Vilar, Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando, e está alineado coa estratexia do goberno municipal de modernizar as infraestruturas locais e apostar por un modelo enerxético máis sostible e eficiente.
O alcalde de Trabada, Rubén García, resaltou a importancia desta iniciativa para a mellora do municipio: "Dende o goberno municipal seguimos a traballar para levar a cabo proxectos que melloren a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Solicitar todas as subvencións que se adapten ás nosas necesidades é clave para seguir avanzando en cada un dos recunchos do noso concello."
Ademais, subliñou a relevancia da colaboración entre administracións para garantir o éxito de iniciativas como esta: "Sempre buscamos axudas de todas as administracións porque o noso obxectivo é poñer en marcha proxectos que melloren o benestar da veciñanza e o desenvolvemento do noso municipio."
Con esta solicitude, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa sostibilidade, a mellora dos servizos públicos e o coidado do medio ambiente, apostando por un futuro máis eficiente e respectuoso co entorno natural.