O Concello de Trabada solicita unha axuda para rehabilitar a antiga escola da Vilapena como vivenda social

O Concello de Trabada vén de solicitar unha axuda ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para levar a cabo a rehabilitación da antiga escola da Vilapena, coa intención de incorporala ao parque municipal de vivendas destinadas ao alugueiro social. A actuación busca ofrecer novas opcións de acceso á vivenda á veciñanza e contribuír á fixación de poboación no ámbito rural.
O proxecto presentado conta cun orzamento que supera os 68.000 euros e forma parte da estratexia que o Concello vén desenvolvendo nos últimos anos para recuperar inmobles en desuso e transformalos en vivendas dignas, accesibles e adaptadas ás necesidades actuais. Desde o goberno local subliñan que esta liña de traballo está a dar resultados e permite ampliar progresivamente a oferta de alugueiro social no municipio.
Un dos aspectos destacados polo Concello foi o intenso esforzo técnico e administrativo realizado para poder optar a esta convocatoria. Segundo explican, o prazo dispoñible para elaborar o proxecto e reunir toda a documentación foi de apenas cinco días. Unha vez aberto o proceso de solicitude, e ao tratarse dunha convocatoria por orde de entrada, toda a documentación foi presentada en tan só sete minutos, co obxectivo de garantir opcións reais de resultar beneficiarios da axuda.
No caso de que o financiamento sexa concedido, a vivenda da Vilapena sumaríase ás xa rehabilitadas polo Concello e destinadas ao alugueiro social en parroquias como Trabadela, Sante, Vilapercide, Vidal ou Valboa, esta última xa en proceso de acadar a habitabilidade.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “esta actuación forma parte dunha estratexia clara de apoio á vivenda no rural, coa que pretendemos ofrecer oportunidades reais para vivir no noso concello”. O rexedor engadiu que “apostar polo alugueiro social é tamén unha ferramenta clave para facer fronte ao reto demográfico e loitar contra a perda de poboación que afecta aos pequenos concellos”.
Desde o Concello de Trabada reiteran o seu compromiso de continuar traballando para aproveitar todas as oportunidades de financiamento que permitan mellorar as infraestruturas e os servizos municipais, así como avanzar nun modelo de desenvolvemento sostible que favoreza a vida no rural.