O Concello de Trabada solicita medidas urxentes para a produción de faba na Mariña
O Concello de Trabada vén de trasladar á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia a súa preocupación pola situación actual que atravesa a produción de faba na comarca da Mariña. Debido a diversos factores adversos a colleita deste 2024 podería sufrir perdas de ata un 80 % dunha colleita normal.
O alcalde de Trabada, Rubén García, advirte que esta crise pon en risco a viabilidade dun sector clave para a economía local, afectando directamente ás familias labregas e á fixación da poboación. Ademais, lembra que o sector xa está lastrado polo envellecemento da poboación activa e a falta de relevo xeracional.
Para paliar esta situación, o Concello de Trabada mantivo unha reunión co Sindicato Labrego Galego, onde manifestou o seu apoio ás demandas do sector e solicitou á Xunta tres medidas fundamentais.
A primeira son as axudas directas para compensar as perdas das persoas produtoras e garantir a viabilidade da campaña, tamén piden a modificación da axuda da PAC, aumentando a dotación da liña "Axuda á producón sostible de proteínas de orixe vexetal", e a creación dun equipo de traballo que analice o impacto dos cambios climatolóxicos e o aumento de enfermidades nos cultivos.
Dende a Alcaldía, reitérase o compromiso coa defensa do sector primario e a disposición do Concello para colaborar coa Xunta na procura de solucións efectivas que garantan o futuro da produción de faba na Mariña.