O Concello de Trabada renova o alumeado e mellora os accesos en Villapercide

O Concello de Trabada vén de executar unha serie de actuacións en Villapercide que supoñen un paso máis na mellora das infraestruturas locais. As obras consistiron na instalación dun novo sistema de alumeado público e na adecuación dos accesos ao campo da festa, un espazo central para a vida social e cultural da parroquia.
O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou que “seguimos a dar resposta ás necesidades da veciñanza, mellorando servizos básicos como o alumeado público e acondicionando lugares de encontro que teñen un gran valor para a comunidade”.
Desde o Concello inciden en que esta intervención responde ao compromiso de avanzar na modernización dos equipamentos públicos nas diferentes parroquias. O obxectivo é ofrecer condicións máis seguras e confortables, ao tempo que se reforza o carácter social dos espazos compartidos.