O Concello de Trabada reitera as súas queixas ante Correos polo deterioro do servizo postal

O Concello de Trabada vén de trasladar unha nova reclamación formal á Dirección de Correos para denunciar as continuas deficiencias que segue a padecer o servizo postal no municipio. Trátase da segunda queixa presentada nos últimos meses, logo de que a primeira comunicación, remitida en setembro de 2025, non obtivese resposta nin se traducise en melloras apreciables.
Segundo advirten desde o goberno local, a situación non só non se corrixiu, senón que se agravou de maneira significativa debido á falta de cobertura de persoal na oficina de Trabada. A baixa da titular do servizo e a demora na incorporación de persoal substituto provocaron un funcionamento cada vez máis precario, con atrasos de varios meses no reparto da correspondencia, notificacións que non chegan aos seus destinatarios, xornadas enteiras sen servizo e unha acumulación preocupante de envíos pendentes.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, sinala que se está a falar “dun servizo básico e esencial para a veciñanza, que afecta directamente á vida diaria das persoas e tamén á actividade administrativa e económica do concello”. O rexedor subliña que “non é admisible que os veciños e veciñas continúen sendo prexudicados por unha situación que se podería evitar cunha planificación axeitada dos recursos humanos”.
Desde o Concello lembran que na primeira queixa xa se alertaba da necesidade urxente de cubrir vacantes e garantir substitucións durante períodos de baixas ou vacacións, unha demanda que, a día de hoxe, segue sen resposta efectiva. Por este motivo, na nova comunicación reclámase con carácter inmediato a cobertura das baixas e prazas vacantes, unha organización do servizo que asegure o reparto diario e regular da correspondencia, así como unha revisión estrutural da dotación de persoal e dos horarios de atención ao público.
“O noso deber como administración local é defender os dereitos da veciñanza e esixir que os servizos públicos se presten en condicións dignas e axeitadas, do mesmo xeito que noutros concellos”, engade García Freije, quen confía en que “esta segunda reclamación sirva para que Correos adopte medidas urxentes e dea unha resposta formal á situación”.
O Concello de Trabada asegura que manterá unha postura firme ata que se garanta un servizo postal continuo e equiparable ao doutros municipios, reiterando o seu compromiso coa defensa das necesidades e intereses da veciñanza.