O Concello de Trabada rebaixa un 10% a taxa da recollida de lixo

AMariñaXa
O goberno de Trabada aprobará a modificación da ordenanza da taxa por recollida de lixo coa finalidade de diminuir as tarifas nun 10%.
concello trabada
14 Mar 2021

O goberno municipal de Trabada aprobará a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa por recollida de lixo coa finalidade de diminuir as tarifas nun 10 % a efectos de trasladar ós usuarios do servizo a rebaixa que Sogama (previa solicitude do propio Concello) fai ós concellos por importe do 10% no prezo do tratamento e eliminación por tonelada de lixo.

Polo tanto, terán unha bonificación do 10% do importe anual da tarifa todos os suxeitos pasivos de taxa, que se aplicará no recibo da taxa corresponde ao segundo semestre deste ano.

Segun informa a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, o Concello durante os últimos anos "veu desenvolvendo un importante esforzo" por achegar aos veciños contedores de reciclaxe, tanto de residuos de envases lixeiros, como de vidro ou papel. "A día de hoxe estamos na fase de posta en marcha do quinto contedor e de dotación de composteiros que faciliten o reciclaxe do orgánico, dentro do compromiso de levar a cabo unha redución de residuos mediante o mantemento ou a aprobación de novas medidas que fomenten a recollida selectiva, orientadas á prevención e redución da produción de lixo convencional ou ao fomento da reciclaxe", indica.

"En definitiva, traballamos para conseguir melloras que repercutan de forma directa na calidade de vida, pero tamén establecer a bonificación no canon unitario que repercutirá directamente nas persoas beneficiarias do servicio de recollida do lixo", conclúe.

0.19911694526672