O Concello de Trabada quere rehabilitar a antiga escola de mestres de Valboa
O Concello de Trabada vén de solicitar unha subvención ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) dentro dunha orde de axudas de concorrencia non competitiva, dirixida á rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal destinadas alugueiro social.
Segundo declarou o alcalde, "agardamos acadar esta axuda para rehabilitar esta vivenda e así poder ofrecer unha vivenda máis destinada ao alugueiro social no noso concello".
Nesta ocasión, o proxecto presentado corresponde á rehabilitación da antiga escola de mestres de Valboa. Esta iniciativa enmárcase dentro dunha liña de actuación máis ampla que o goberno local vén desenvolvendo, centrada na reforma de antigas escolas, todas elas dedicadas ao alugueiro social.
"A través desta acción, procuramos incrementar a dispoñibilidade de vivendas sociais no noso concello e, ao mesmo tempo, favorecer o asentamento de nova poboación no municipio, contribuíndo así á dinamización e crecemento das nosas parroquias", afirm Rubén García.
O Concello de Trabada continúa apostando por iniciativas que permitan aproveitar o patrimonio municipal e poñelo ao servizo da veciñanza.