O Concello de Trabada quere mellorar a cuberta da antiga escola de Vidal

AMariñaXa
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinala que "tras a recente reforma interior da vivenda, agora damos un paso máis coa mellora da cuberta"
Antiga-escola-de-Vidal-Trabada
20 Jan 2025

O Concello de Trabada anuncia hoxe a solicitude dunha axuda destinada á mellora da antiga Escola de Vidal que permitirá a substitución integral da cuberta e a instalación de novos canalóns para mellorar a eficiencia enerxética do inmoble.

Este luns 20 de xaneiro ás 12.00 abriu o prazo para solicitar en concorrencia non competitiva esta axuda dentro do programa de corrección de impactos paisaxísticos do Instituto de Estudos do Territorio pertencente á Xunta de Galicia.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinala que "esta actuación reforza o compromiso de mellorar e poñer en valor as infraestruturas municipais. Tras a recente reforma interior da vivenda, agora damos un paso máis coa mellora da cuberta, contribuíndo á eficiencia enerxética do edificio".

As antigas escolas das parroquias de Trabada están actualmente destinadas a alugueiros sociais e, segundo indicou o alcalde, "nos próximos días accederán ás vivendas as persoas que presentaron a súa solicitude e que cumpren cos requisitos establecidos".

O goberno local continúa así co seu obxectivo de recuperar espazos públicos e fomentar o seu uso social.

0.16757702827454