O Concello de Trabada pide que se cubra a praza de médico do centro de saúde

AMariñaXa
“Durante estas dúas semanas, Trabada só contará con médico catro días de 9.00 a 13.00", denuncia o alcalde
centro de saúde trabada
19 Ago 2024

O Concello de Trabada reclama á Xunta de Galicia e á Consellería de Sanidade que se cubra a praza do médico do centro de saúde con carácter urxente, ao estar de vacacións o profesional do centro. O alcalde de Trabada, Rubén García, denuncia que “durante estas dúas semanas, Trabada só contará con médico catro días de 9.00 a 13.00 de 9.00 a 13.00, quedando á veciñanza case totalmente desatendida”. Ademais, dende a páxina do Sergas “non se están dando citas para antes de setembro”, lamenta.

Rubén García vén de visitar o Centro de Saúde para preocuparse pola situación e falar cos profesionais, que “teñen que sufrir esta situación e teñen que ser quen lles explique á veciñanza que non vai haber médico, sen ser en absoluto a súa responsabilidade”.

Ademais, o alcalde remitiu un escrito á Consellería de Sanidade reclamando que se cubra inmediatamente a praza de médico no Concello, xa que “non se pode xogar así con algo tan delicado como é a saúde”. “É moi urxente resolver esta problemática, posto que está de vacacións o único profesional co que nos deixaron, xa que dende a Consellería non cubriron a praza do último médico que se xubilou”, critica o rexedor.

“Non nos parece normal esta situación, dado que Trabada, coma todos os concellos da Mariña, aumenta moito a súa poboación durante o verán, polo que é máis probable que haxa calquera emerxencia”, sinala García. “Hai que ter en conta tamén que Trabada ten cunha poboación moi envellecida e conta cunha residencia de maiores con 39 prazas”, engade.

Dende os concellos pequenos “facemos todo o posible para seguir resistindo, pero dende o Goberno autonómico, que debería ser o noso maior apoio, o único que fan é botarnos para atrás”, conclúe o rexedor.

0.14911818504333