O Concello de Trabada organiza unha excursión a Xixón para fomentar a convivencia e o acceso á cultura

O Concello de Trabada vén de poñer en marcha unha nova proposta de lecer destinada a reforzar a convivencia veciñal e a dinamización comunitaria. Trátase dunha viaxe á cidade asturiana de Xixón, que terá lugar o vindeiro 24 de xuño e que está aberta á participación de todas as persoas empadroadas no municipio, así como das usuarias e usuarios do servizo municipal de Terapia Ocupacional.
Durante a xornada, as persoas participantes poderán desfrutar dunha completa programación que inclúe visitas ao Acuario de Xixón e ao Museo do Ferrocarril, ademais dun xantar de grupo e un seguro de viaxe incluído. O prezo total da actividade é de 50 euros por persoa.
Desde o Concello lembran que as prazas son limitadas, polo que cómpre formalizar a inscrición e realizar o pagamento nas oficinas municipais antes do día 13 de xuño. No caso de que queden prazas libres tralo peche do prazo, permitirase a participación doutras persoas vencelladas a familiares empadroados en Trabada.
O goberno local subliña que este tipo de iniciativas teñen como obxectivo “fomentar a participación social, facilitar o acceso á cultura e contribuír ao benestar emocional da veciñanza”, ademais de crear espazos para o encontro, a socialización e a aprendizaxe fóra do ámbito habitual. “Son propostas que enriquecen a vida comunitaria e que permiten fortalecer lazos entre xeracións e colectivos”, engaden.