O alcalde de Trabada ve "inasumible" financiar o proxecto da traída compartido con Ribadeo
Un proxecto de Augas de Galicia renovará cunha obra a rede de abastecemento de auga, principalmente do Concello de Ribadeo e dúas parroquias do Concello de Trabada. "Estamos á expectativa, o vindeiro martes acudiremos a Ribadeo, xa que vén o director de Augas de Galicia a presentar o proxecto", explica o socialista Rubén García Freije, alcalde de Trabada.
Recoñece o rexedor que xa mantiveran unha reunión inicial só co alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e o seu equipo para que lles explicaran o proxecto e a cantidade aproximada do seu presuposto. Ante isto, destaca: "Xa llo transmitín nese momento, estamos falando de millóns de euros, aproximadamente nove ou nove e medio, me parece. Calquera aportación mínima que teña que poñer o Concello de Trabada é inasumible porque non temos esa capacidade co presuposto que temos". Desta maneira, calquera aportación por mínima que sexa non será posible por parte do Concello de Trabada, que "axudaría en todo o que poida", unha vez teña esa reunión e conte coa documentación.
García Freije incide en que é unha actuación moi "importante e necesaria" e que a parte licitadora, segundo a información que teñen, será Augas de Galicia. "Estamos falando dunha obra a outro nivel, na que facilitaremos todo o que sexa necesario para que se leve a cabo. Porén, o noso presuposto non é comparable co do Concello de Ribadeo e xa non digamos nunha obra deste volume e cantidades", fai fincapé.
Considera que no que atinxe ao seu concello, esta obra é significativa nas dúas parroquias que se abastecen desta rede: "Nestes traxectos non soe haber tantos problemas, xa que desta traída principal, que quere substituír o Concello de Ribadeo, só nos abastecemos en certos puntos concretos. Porén, para o Concello de Ribadeo é a única vía e a principal que teñen para o abastecemento de auga para a maior parte do seu municipio". Con isto deixa de manifesto que esta problemática afectaría, principalmente, ao outro concello, pero que calquera "tipo de actuación de mellora vai beneficiar a todo o mundo". Por agora, o alcalde agardará a vindeira reunión para contar con toda a documentación do proxecto.