O Concello de Trabada inicia os cursos de terapia ocupacional para maiores a finais de setembro
O Concello de Trabada confirma que a última semana de setembro arrancará unha nova edición dos cursos municipais de terapia ocupacional. Este programa busca promover o envellecemento activo e mellorar tanto a funcionalidade como a calidade de vida dos seus participantes.
As primeiras sesións darán comezo o martes 24 de setembro, con actividades programadas no centro cívico de Vidal ás 16.00 horas, e no teleclube de Sante ás 17.45 horas. O mércores 25 de setembro, os cursos terán lugar no centro cívico de Valboa ás 16.00 horas, e na Casa da Cultura de Trabada ás 17.45 horas. Finalmente, o xoves 26, desenvolveranse sesións no centro cívico de Vilapena a partir das 16.00 horas, e na escola de Abres ás 17.45 horas.
Rubén García, alcalde de Trabada, destaca a importancia destas iniciativas para a poboación maior do municipio: “As nosas persoas maiores son unha prioridade, e con este programa promovemos un envellecemento activo que lles proporciona melloras tanto a nivel funcional como na súa calidade de vida”.
O alcalde tamén sinalou que nas vindeiras semanas se anunciarán máis actividades municipais dirixidas a outros grupos de idade, ampliando así a oferta de servizos e programas dispoñibles para a comunidade.