Comezaron as obras para acondicionar a ponte que une Valboa e Cedofeita

AMariñaXa
O Concello de Trabada informa do comezo das obras realizadas de forma conxunta con Ribadeo para acondicionar
obras trabada ponte union valboa e cedofeita
20 Out 2022

O Concello de Trabada informa do comezo das obras realizadas de forma conxunta con Ribadeo para acondicionar e pavimentar un camiño supramunicipal que une a través dunha ponte as parroquias trabadense de Valboa e a ribadense de Cedofeita.

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, visitaron hoxe a zona para supervisar o comezo da actuación, que consistirá no acondicionamento e pavimentación do tramo, a prolongación da obra de paso existente sobre o rego Ferreira e a instalación de barreiras de seguridade en ambas marxes, coa finalidade de que teñan uns accesos en boas condicións.

“É unha obra moi necesaria para acondicionar o vial ao tránsito de vehículos, mellorando a comunicación e a seguridade viaria, porque o vial tamén serve de acceso a fincas agrícolas e a explotacións gandeiras, así como a parcelas forestais, polo que o tráfico pesado é importante e ocasiona un maior deterioro. Con esta actuación, mellorarase ademais o trazado da curva existente para facilitar os xiros de vehículos pesados”, indica García Bermúdez.

Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, considera que “estas actuacións conxuntas en viarios que unen dous concellos supoñen o único xeito de actuar de xeito eficiente e eficaz para que os veciños e veciñas de ambos os dous municipios se vexan beneficiados”.

Para a realización dos traballos, os concellos de Trabada e Ribadeo conseguiron unha subvención que solicitaron de forma conxunta á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta.

“Agradecemos a axuda pero lamentamos unha vez máis que non alcanzase o máximo establecido na orde, que era o 80% do orzamento co límite de 50.000 euros para as solicitudes conxuntas, como neste caso”, lembra a alcaldesa de Trabada. 

O orzamento das obras é de 62.500 euros e a axuda concedida de 43.750 euros, o 70% do custe total, co cal o 30% restante deben asumilo directamente ambos concellos con fondos propios.

0.1799590587616