O Concello de Trabada impulsa o alugueiro social coa rehabilitación das antigas escolas

O Concello de Trabada continúa avanzando na recuperación do seu patrimonio público con fins sociais. A administración local vén de obter unha achega de 19.999,99 euros a través do programa de corrección de impactos paisaxísticos do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Este financiamento permitirá acometer melloras significativas na vivenda situada na antiga escola de Vidal, actualmente dedicada ao alugueiro social.
A intervención inclúe a substitución da cuberta e a instalación de novos canlóns, co obxectivo de incrementar a eficiencia enerxética do inmoble e garantir un mellor confort para os seus inquilinos. O orzamento total da obra ascende a 28.571,42 euros, dos cales o Concello asumirá con fondos propios 8.571,43 euros, nun novo exemplo do seu compromiso co benestar da veciñanza e a posta en valor dos espazos públicos.
A iniciativa enmárcase nun plan municipal máis amplo que busca dar novos usos ás antigas escolas repartidas polo municipio. De feito, a vivenda de Vidal é unha das que xa se destinan a alugueiro social, ofrecendo solucións habitacionais accesibles a persoas e familias que o precisan.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “continuamos traballando para aproveitar os nosos recursos municipais con fins sociais. A recuperación das antigas escolas é unha oportunidade para ofrecer vivenda digna, accesible e cun impacto positivo na paisaxe e na vida da veciñanza”.
Neste sentido, avanzou tamén que nas vindeiras semanas se iniciarán os traballos de reforma da vivenda da antiga escola de Valboa, que seguirá o mesmo destino social unha vez rematadas as actuacións.
Con este tipo de proxectos, o Concello de Trabada aposta por unha xestión sostible do patrimonio municipal, loitando contra o despoboamento e contribuíndo a mellorar a calidade de vida no rural.