O Concello de Trabada impulsa a renovación de A Choza cun proxecto sostible

AMariñaXa
O Concello aposta por mellorar este espazo natural con criterios de sustentabilidade, accesibilidade e posta en valor do patrimonio local
Trabada-inicia-renovacion-area-recreativa-A-Choza-na-Ria-de-Abres
8 Oct 2025

O Concello de Trabada iniciou a primeira fase das obras de renovación da área recreativa de A Choza, situada na parroquia da Ría de Abres, un dos enclaves naturais máis visitados do municipio. O proxecto conta cun investimento de 30.000 euros, procedentes dunha subvención da Dirección de Turismo de Galicia, e supón un paso máis na mellora dos espazos de lecer e convivencia da veciñanza.

Nesta primeira intervención, está prevista a substitución dunha parte do valado de madeira por materiais reciclados e de imitación madeira, que garantan unha maior durabilidade e menor impacto ambiental. Ademais, renovaranse papeleiras, fontes e mesas da zona, co obxectivo de ofrecer unha imaxe máis moderna, funcional e respectuosa co entorno. A actuación permitirá tamén avanzar na accesibilidade e sustentabilidade deste espazo, moi utilizado tanto por residentes como por visitantes durante todo o ano.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “continuamos traballando na mellora dos nosos espazos turísticos e naturais, que constitúen un dos principais atractivos do concello”. Engadiu que “grazas a este tipo de axudas podemos seguir renovando infraestruturas e ofrecendo zonas de lecer en mellores condicións para todos, combinando conservación e comodidade”.

García lembrou que esta actuación se enmarca dentro dunha estratexia global de posta en valor do patrimonio natural, que inclúe proxectos recentes como a creación da área de autocaravanas na Ría de Abres ou a construción dunha nova área recreativa en Villapena. “Queremos que Trabada sexa un concello atractivo, sostible e acolledor, tanto para quen nos visita como para quen vive aquí todo o ano”, subliñou.

Con este proxecto, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora dos espazos públicos e coa protección do medio ambiente, promovendo un modelo de turismo responsable e próximo á natureza. A renovación de A Choza supón un novo impulso ao desenvolvemento turístico e á calidade de vida da veciñanza, consolidando este enclave como un referente do lecer ao aire libre na Mariña lucense.

⚙ Configurar cookies
0.085048913955688