O Concello de Trabada impulsa a mellora do complexo deportivo con fondos destinados á loita contra o cambio climático

O Concello de Trabada vén de obter unha nova achega económica de 60.000 euros a través do programa de Axudas para a aplicación de solucións baseadas na natureza, orientado á prevención de riscos asociados ao cambio climático en contornos urbanos e periurbanos.
Esta subvención permitirá acometer unha mellora integral do complexo deportivo municipal, cun investimento total de 75.000 euros, dos cales 15.000 serán asumidos con fondos propios municipais.
O proxecto inclúe a instalación de pérgolas con cuberta vexetal, que proporcionarán sombra e zonas de descanso para as persoas usuarias, así como a creación dun peche natural para o campo de bolos tradicionais, unha actuación en consonancia co compromiso do Concello coa integración paisaxística e o respecto polo medio ambiente.
O alcalde, Rubén García, destacou que “esta intervención é unha mostra máis do noso compromiso coa creación de espazos públicos de calidade, sostibles e pensados para o benestar da veciñanza. Quixera poñer en valor o traballo conxunto do equipo de goberno e dos técnicos municipais, grazas ao cal conseguimos esta importante axuda”.
Estas melloras súmanse ás actuacións que comezarán nas próximas semanas, entre as que se inclúen a construción dun circuíto de bicicletas pump track e a instalación dun novo tobogán infantil, ampliando así as alternativas de lecer e deporte para os máis pequenos.
Desde o Concello subliñan que seguen traballando na busca de novas subvencións que permitan continuar coa transformación do municipio. “A nosa aposta é clara: avanzar cara a un modelo de desenvolvemento sostible que mellore a calidade de vida da nosa xente”, concluíu o rexedor.