O Concello de Trabada estrea o seu primeiro campamento xuvenil con gran acollida

AMariñaXa
A iniciativa promove o ocio activo e sen pantallas durante o verán, combinando deporte, convivencia e experiencias ao aire libre
madrugadores-nenos-xogando
4 Jul 2025

O Concello de Trabada vén de poñer en marcha este mes de xullo o seu primeiro campamento xuvenil, unha proposta pioneira dentro das políticas municipais de conciliación familiar e promoción do ocio saudable. A actividade arrancou o pasado día 1 e desenvolverase durante os meses de xullo e agosto, con sesións de luns a venres en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

O campamento aposta por un enfoque centrado na actividade física, a interacción directa entre os participantes e o uso responsable do tempo libre, deixando de lado os dispositivos electrónicos como móbiles e tabletas. “Queremos que sexa un espazo onde a rapazada poida xogar, aprender e relacionarse sen depender das pantallas”, explican desde a organización.

Entre as propostas que integran o programa destacan xogos cooperativos, dinámicas de grupo, obradoiros creativos e actividades deportivas. Ademais, cada semana os participantes desfrutan dunha saída fóra das instalacións habituais, co obxectivo de coñecer novos contornos e vivir experiencias diferentes. A primeira destas saídas tivo lugar recentemente e incluíu unha carreira de karts e un paseo a cabalo, unha combinación que logrou entusiasmar aos asistentes.

O alcalde de Trabada, Rubén García, valorou moi positivamente esta iniciativa: “Trátase dun novo paso dentro do noso compromiso coa conciliación das familias e coa creación de espazos para que a mocidade goce do verán dunha maneira activa, segura e saudable. É a primeira vez que organizamos un campamento xuvenil durante os meses de xullo e agosto, e a resposta está sendo moi boa”.

Desde o Concello anuncian que seguirán traballando para ampliar a oferta estival con máis propostas dirixidas á infancia e á mocidade, sempre co obxectivo de fomentar valores, promover hábitos saudables e fortalecer a convivencia no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.134526014328