O Concello de Trabada conta cun novo punto limpo móbil

AMariñaXa
O Concello de Trabada conta cun novo punto limpo móbil, co que pretende facilitarlle aos veciños a reciclaxe de residuos
punto limpo mobil trabada
28 Dec 2021

O Concello de Trabada conta cun novo punto limpo móbil, co que pretende facilitarlle aos veciños e veciñas a reciclaxe de residuos, ademais de impulsar a sensibilización ambiental.

O Concello obtivo unha achega de 70.000 euros para esta actuación, financiada pola Xunta de Galicia a través da liña de subvencións en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder Galicia 2014-2020).

Trátase en concreto dun vehículo dotado de grúa e volquete basculante destinado aos servicios municipais, así como dun punto limpo móbil, cunha grúa 4T, montada sobre o vehículo tras cabina a partir da roma de forza e cunha cesta de ferro para unha persoa homologada.

“É un punto limpo móbil para pequenos residuos que se colocará en diferentes sitios do concello, segundo un calendario preestablecido ou segundo a demanda que poda existir nun momento dado”, explica a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermudez.

Os veciños poderán depositar pequena chatarra electrónica; pequenos electrodomésticos; pintura; bernices; disolventes; aceites; radiografias; roupa e xoguetes; baterias; pilas, e bombillas ou fluorescentes.

Por outra banda, para poder mover este punto limpo móbil, é necesario dispoñer dun camión con gancho multilift, que permita subilo e baixalo para desprazalo dun lugar a outro do concello. Este vehículo será en Trabada un modelo tipo pick-up para cumprir a norma Euro, referente á clasificación en función do seu potencial contaminante, para que sexa mais respectuoso co medio ambiente e o seu custo de funcionamento tamén sexa menor.

Para maximizar o uso deste vehículo para estas labores de recollida especifica de residuos, o concello adquiriu ademais unha caixa basculante con baldas laterais abatibles, que permitirá a recollida dos enseres voluminosos ou RAEEs de gran tamaño, nos momentos en que non haxa que trasladar o modulo de punto limpo móbil dun lugar a outro.

O Concello quere agradecer o traballo realizado pola empresa, pois na primeira licitación o contrato quedou deserto e, ante a problemática dos prazos de suministro de vehículos, foron quen de dar unha resposta para así non ter que renunciar á axuda conseguida, como sucedeu noutros concellos galegos.

0.18980312347412