O Concello de Trabada adquiriu material para o polideportivo municipal

AMariñaXa
O Concello de Trabada informa da recente adquisición de material para o polideportivo municipal con fondos propios do Concello
XIMNASIO TRABADA
27 Ago 2021

O Concello de Trabada informa da recente adquisición de material para o polideportivo municipal con fondos propios do Concello, tras a reiterada negativa da Xunta de Galicia a conceder ás axudas destinadas a tal fin. 

O goberno local, dirixido pola alcaldesa, Mayra García, leva presentados os correspondentes proxectos nos últimos dous anos solicitando as subvencións da vicepresidencia da Xunta de Galicia para a creación ou melloras das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais nos concellos de Galicia. O Concello de Trabada busca así mellorar as instalacións e equipamento do Polideportivo Municipal, dada a importancia da práctica deportiva para a saúde da poboación. 

No proxecto presentado á Xunta de Galicia, o goberno local expón as eivas de humidades e problemas de drenaxe nos vestiarios, dando lugar a un mal estado de conservación das instalacións. Asemade, o informe recollido expón as carencias relativas a material do ximnasio.

Por iso, neste proxecto, o Concello de Trabada solicítalle á Xunta de Galicia a renovación da zona de vestiarios, así como a adquisición de novo material (tres bicicletas indoor, dúas cintas de correr, dúas air bike, unha prensa, unha dominadas asistidas, un banco de remo e un banco de estiramentos) a través da citada subvención. Non obstante, o goberno denegoulle ao Concello de Trabada dita subvención nos dous últimos anos, co implícito prexuízo para o benestar da poboación. 

Co obxectivo de paliar as eivas producidas por este trato inxusto á veciñanza de Trabada, o goberno local vén de adquirir unha cinta de correr sufragada con fondos propios do concello, cun investimento que supera os 4.000 euros. 

“A actitude da Xunta é un desprecio á poboación de Trabada, negándose a facilitar a práctica deportiva. Dende o Concello de Trabada, esforzámonos por conseguir esta nova máquina e intentar paliar o abandono do goberno da Xunta de Galicia”, subliña a alcaldesa, Mayra García. 

0.15312004089355