O Concello de Trabada acolleu este sábado o Encontro dos Maiores

AMariñaXa
O Concello de Trabada acolleu este sábado o Encontro dos Maiores coa presenza de máis de 180 persoas nunha emotiva xornada
1 encontro maiores trabada 2022
23 May 2022

O Concello de Trabada acolleu este sábado o Encontro dos Maiores, coa presenza de máis de 180 persoas nunha emotiva xornada tras dous anos de parón obrigado pola pandemia do coronavirus.

Este foi ademais o primeiro ano no que participaron os residentes e tamén veciños do Centro de Atención aos Maiores de Trabada. “Para nós, é moi importante que se integren no pobo, que participen nas actividades que desenvolvemos no concello”, asegura a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.

“Quero facer un agradecemento expreso ao persoal do centro que nos acompañou, tamén ao persoal do concello que trasladou aos que teñen pouca mobilidade, e que de non ser por eles e polos medios que temos, a furgoneta adaptada para persoas de mobilidade reducida que conseguimos gracias á colaboración da Deputación de Lugo, non poderían compartir este día con nós”, engade a alcaldesa.

“Agardamos que disfrutaran moito deste día que tan merecido teñen, eles son o noso pasado, o noso presente, os que traballaron toda a vida para sacar as familias adiante, en definitiva, as nosas raíces e a nosa luz no camiño”, manifesta García Bermúdez. 

“Temos que darlle ademais as grazas, porque o seu comportamento durante a pandemia foi exemplar, asumindo a necesidade de aplicar moitas restricións e limitacións á súa vida diaria, deixando a un lado o contacto social e os afectos coa maior parte dos seus seres queridos porque non quedaba outra que coidarse e coidar aos demais”, remata.

0.16386914253235