O Concello de Trabada abre unha nova vivenda social nas antigas escolas de Vilapercide

AMariñaXa
O inmoble poderá solicitarse desde o 23 de xuño e forma parte dunha estratexia para recuperar espazos públicos en desuso
TRABADA-Nova-vivenda-social-en-Vilapercide
17 Jun 2025

O Concello de Trabada continúa avanzando no seu modelo de recuperación de espazos públicos con fins sociais e abrirá o vindeiro luns 23 de xuño o prazo de solicitude para acceder á vivenda social habilitada na antiga escola da parroquia de Vilapercide. As persoas interesadas terán un mes para presentar a documentación necesaria e optar ao alugueiro deste inmoble, que se pon á disposición da veciñanza con condicións accesibles.

Esta nova vivenda súmase ás xa adxudicadas recentemente nas parroquias de Vidal e Trabadela, onde antigos centros educativos foron rehabilitados e transformados en fogares para familias que precisan un acceso digno á vivenda. O alcalde de Trabada, Rubén García, sinala que esta aposta “forma parte dunha estratexia moi clara: aproveitar os espazos en desuso e darlles unha nova vida ao servizo da xente”.

Ademais, segundo informou o propio rexedor, nas vindeiras semanas comezarán as obras de reforma interior da antiga escola de Valboa, que tamén pasará a ser vivenda social unha vez completados os traballos de adaptación. “Queremos seguir transformando estas infraestruturas educativas que xa non teñen uso nunha oportunidade para as persoas que desexan establecerse no rural”, apuntou.

O goberno local considera que esta iniciativa responde a unha necesidade real: garantir o acceso á vivenda a prezo razoable, especialmente nun momento de incremento xeneralizado do custo de vida. “Sabemos que moitas persoas non poden asumir os alugueiros que se manexan no mercado convencional. Por iso, estamos a poñer en marcha medidas que dean resposta a esta realidade, sempre desde unha perspectiva social e de proximidade”, afirmou Rubén García.

A transformación das antigas escolas en vivendas sociais tamén busca contribuír á fixación de poboación no territorio e ao fortalecemento das comunidades locais. “Estes inmobles foron durante décadas lugares de aprendizaxe e convivencia. Agora queremos que volvan ter vida, que volvan ser fogares, espazos de futuro”, engadiu o alcalde.

Dende o Concello salientan que a acollida das anteriores convocatorias foi moi positiva e que existe un interese crecente por este tipo de iniciativas, especialmente entre xente nova ou familias que buscan asentarse no medio rural con condicións de vida dignas. “Non falamos só de vivenda: falamos de oportunidades, de revitalizar as parroquias e de garantir que seguir vivindo no rural sexa unha opción real e sustentable”, concluíu García.

As bases para a presentación de solicitudes estarán dispoñibles na web do Concello de Trabada e na propia casa consistorial a partir do luns 23 de xuño.

⚙ Configurar cookies
0.34022808074951