O Concello de Trabada abre o prazo de inscrición nos programas Madrugadores e Ludiseráns para o curso 2025–2026

AMariñaXa
As actividades facilitarán a conciliación das familias ao longo de todo o calendario escolar
madrugadores-nenos-xogando
21 Jul 2025

O Concello de Trabada abrirá mañá, martes 22 de xullo, o prazo para inscribirse nos programas municipais Madrugadores e Ludiseráns, que se desenvolverán durante todo o curso escolar 2025–2026 co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias do municipio. As persoas interesadas disporán de prazo ata o 20 de agosto para formalizar a súa solicitude.

O servizo de Madrugadores funcionará cada día lectivo entre as 8:00 e as 9:30 da mañá, permitindo que o alumnado chegue ao centro educativo antes do inicio das clases, mentres que o programa Ludiseráns estará operativo polas tardes, en horario de 15:30 a 19:00 horas. Ambas propostas están pensadas para nenos e nenas desde 1º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria, e prestaranse dende o primeiro ata o último día de curso.

O alcalde de Trabada, Rubén García, explicou que “continuamos apostando por estas iniciativas de conciliación, que sabemos son esenciais para moitas familias. Por iso, facemos un esforzo constante para manter activos estes servizos, facilitando a organización diaria e contribuíndo a mellorar o benestar da nosa veciñanza”.

Desde o Concello subliñan que estes programas contribúen á igualdade de oportunidades e supoñen un apoio fundamental para as familias do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.18792414665222