O Concello de Ribadeo vendeu os dous inmobles na rúa Vispo Veres
O Concello de Ribadeo vendeu os dous inmobles de propiedade municipal que tiña na rúa Vispo Veres, números 2 e 4. O importe obtido, máis de 61.000 euros, irá destinado a diferentes obras públicas, especialmente nas parroquias.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "este foi un proceso longo e complexo de esixencia de rehabilitación aos posibles propietarios e estes, no seu momento, chegaron a manifestar formalmente ao Concello que non lograban acreditar a titularidade polo que se desentendían das súas responsabilidades”.
Suárez Barcia lembrou que “isto levou ao Concello a iniciar as oportunas tramitacións para lograr a inmatriculación, previas ás audiencias públicas para ver se alguén se acreditaba como propietario. Finalmente non foi así e o Concello puido rexistralo ao seu nome. Logo sucedéronse varias puxas públicas que foron quedando desertas, unha tras outra, a pesar de que entre unha e outra o prezo de saída ía baixando”.
Finalmente despois de ter todos os informes técnicos de Secretaría e de Intervención municipal favorables, procedeuse a efectuar a compravenda por un importe de 61.869 euros por ambos os dous inmobles. O Concello destinará estes recursos públicos a diferentes obras públicas, especialmente nas parroquias.
Con esta actuación conseguirase que dentro dun tempo, despois das licencias urbanísticas necesarias, empecense a rehabilitar estas ruínas contribuíndo a dar unha mellor imaxe como tamén a dar unha maior seguridade pública a esa parte do casco antigo da vila.