O Concello de Ribadeo solicita melloras no acceso á praia das Catedrais

AMariñaXa
O Goberno tamén pide a ordenación da zona destinada a aparcadoiro no emblemático areal ribadense
praia-catedrais-turistas
Praia As Catedrais
5 Xuño 2024

O Concello solicita melloras no acceso de entrada á praia das Catedrais e tamén a ordenación da zona destinada a aparcadoiro. Así llo expuxo o alcalde, Dani Vega, á directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, que visitou o emblemático areal ribadense. O rexedor explicou que o motivo desta visita foi “para detectar onde hai que facer certas melloras, unha inversión necesaria para conservar o espazo das Catedrais, tanto o acceso da entrada como o aparcadoiro actual”.

Vega destacou que “está moi ben facer obras, pero creemos que está moi to mellor conservalas”. O rexedor considera que “como estamos facendo con outros espazos turísticos, outros espazos naturais, como pode ser o Cargadeiro, tamén Castros, Illas ou Esteiro, a Xunta creo que ten a obriga de investir na praia das Catedrais, no segundo monumento máis visitado de Galicia, para conservar este espazo natural”.

O alcalde subliñou que “o acceso de entrada necesita actuacións, necesita inversións, tamén os baños… En definitiva todo ese entorno, tamén o aparcadoiro, é bo limitalo para que non se aparque deliberadamente, que non aparquen as caravanas, senón que sexa uso exclusivo a aparcadoiros, que teñan unha parada adecuada aos autobuses, ordenar, investir, que é a obriga da Xunta de Galicia aquí en Ribadeo”.

Aposta polo traballo conxunto de todas as administracións: “Seguimos traballando, sendo esixentes coas administracións para que invistan en Ribadeo e ter esa capacidade de falar con todas. Iso é o importante ter unha liña aberta de traballo con todas as administracións”.

0.19093489646912