O Concello de Ribadeo segue na loita contra os lumes forestais

AMariñaXa
Ribadeo segue na loita contra os lumes forestais e vén de publicar un Bando para que os propietarios dos terreos teñan que rozados
incendio forestal lume
5 Xuño 2022

O Concello de Ribadeo segue na loita contra os lumes forestais e ven de publicar un Bando lembrándolles aos propietarios dos terreos a necesidade de telos rozados. Refírese a aqueles que abranguen unha faixa de 50 metros ao redor de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable e de vivendas illadas. 

No Bando asinado polo alcalde, Fernando Suárez, lémbrase que “o Concello de Ribadeo conta coa ordenanza para a prevención de incendios forestais e a salvagarda das condicións de limpeza, ornato, salubridade e seguridade dos terreos pola que se regulan as plantacións arbóreas, as obrigas de xestión de biomasa e os usos do lume no solo urbano, de núcleo rural e urbanizable do Concello de Ribadeo (BOP Lugo 129 – 07/06/2018). En canto ao solo rústico, a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia outorga aos concellos a competencia na protección das persoas e dos seus bens fronte aos incendios forestais, definindo as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, que abranguen unha faixa de 50 metros ao redor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, así como das vivendas illadas, entre outras infraestruturas (artigos 20.4 e 21)”. 

E indica que “no Concello de Ribadeo estas redes secundarias están definidas a través do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Ribadeo (BOP Lugo 137 –16/06/2020). Nestes espazos, segundo a referida lei, non poderán existir especies como o eucalipto, o pino, a acacia ou a mimosa, ademais de ter que ser rozados tódolos anos antes da finalización do mes de maio (artigos 21 e 22). O que se recorda para xeral coñecemento, advertindo sobre a necesidade de ter adaptadas estas faixas secundarias en todo momento á normativa en vigor”. 

As persoas interesadas en obter información máis detallada ao respecto poden contactar coa Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo (982 120 701 – sostibilidade@ribadeo.org).

0.17529892921448