O Concello de Ribadeo saca a poxa dous inmobles para financiar a adquisición dos terreos do Centro de Saúde
O Concello licita un contrato de alleamento de inmobles sacando a poxa o nº31 da rúa Antonio Otero e o nº1 da rúa Deputación. Ambos bens, da súa propiedade, foron taxados en total en 101.000 euros, que irán destinados para financiar parcialmente a adquisición dos terreos para a futura construción do Centro de Saúde de Ribadeo.
O rexedor contou que “vimos de publicar a licitación dun contrato de alleamento de inmobles un tanto singular, tanto pola orixe como polo destino. O Concello de Ribadeo foise facendo coa propiedade de dous inmobles no ámbito urbano nestes últimos anos por mor das políticas de rehabilitación que viñemos aplicando sistematicamente. Afortunadamente na maioría dos casos os seus propietarios foron facendo caso das instrucións que o Concello foi dando e hoxe en día podemos ver un casco vello san e en proceso de rehabilitación e reforma”.
Suárez Barcia dixo: “pero tamén houbo problemas en todo este proceso, así un inmoble na Rúa Antonio Otero, 31, que chegou a derrubarse, sen que os propietarios fixeran nada para evitalo, acabou sendo do Concello a través da aplicación de cargos de execución subsidiaria, multas coercitivas, etc. E nesta mesma situación se atopou outro inmoble na Rúa Deputación, 1, onde debido ao seu mal estado de conservación, á falta de atención dos seus propietarios, levou ao Concello no seu momento á aplicación das medidas que establecen as leis, chegando ao embargo da propiedade”.
O alcalde explicou que “estes dous inmobles foron taxados polos técnicos municipais e dan como resultado a cifra de 101.000 euros. Son 12.640 euros para a pequena vivenda da Rúa Antonio Otero, que ten uns 150m2 de superficie de construción en 77m2 de superficie de parcela. E logo temos a cifra de 88.675 euros para a edificación da Rúa Deputación, que ten uns 216m2 de superficie construída dentro dunha parcela de 354m2”.
Fernando Suárez indicou que “todas as persoas físicas ou xurídicas que estean interesadas na adquisición dalgún destes inmobles teñen ata o 13 de abril para presentar as súas ofertas e toda a información está no perfil do contratante da páxina web do Concello ou na Plataforma de Contratos do Estado. O procedemento será o de poxa á alza”.
O rexedor ribadense engadiu: “e, para o caso de que se vendan, desde o goberno municipal temos previsto aplicar estes recursos para financiar parcialmente a adquisición dos terreos para a futura construción do Centro de Saúde de Ribadeo. Así, deste xeito, pecharemos un ciclo de poñer en valor inmobles ou solares céntricos, e os recursos que poidan dar ao Concello se apliquen a fins de interese público. Isto é pechar o ciclo que cumpra cos principios de eficiencia, rendibilidade e transparencia”.