O Concello de Ribadeo realiza traballos de rehabilitación nas súas parroquias
O Concello de Ribadeo rehabilita marquesiñas e bancos nas súas parroquias, así como as contornas dos contedores e das sinais. Os traballos comezaron en Arante e seguirán por todas as parroquias. O alcalde, Dani Vega, expresou que “seguimos investindo nas nosas parroquias, seguimos mellorando todo o equipamento. Estamos a falar de marquesiñas, bancos, contedores, puntos aos que acude moita xente. As marquesiñas, onde acoden persoas ou alumnado dos colexios, atopámonos que había unha falta de conservación, é dicir unha falta de mantemento, e en consecuencia abandonadas”.
O rexedor explicou: “Poño como exemplo a parroquia pola que empezamos a facer este plan de rehabilitación en Arante, onde as marquesiñas estaban abandonadas e evidentemente cun deterioro considerable. Que fixemos? A rehabilitación de toda a marquesiña, tamén o adecentamento da contorna, con base de formigón e rematado en pedra. Tamén quixemos facer unha rehabilitación de todos os bancos, con base de formigón rematado en pedra, e todos os contedores teñen base de formigón rematado en pedra. Quixemos investir para mellorar, e queremos seguir por todas as parroquias. Nestes momentos rematamos Arante, estamos en Vilamariz, e así paulatinamente iremos por todas as parroquias rehabilitando, e despois temos que ter unha conservación. Eu sempre o digo, é moi importante facer, é moi importante investir, pero é tan importante manter todo o que estamos a facer, porque senón dentro duns anos estaremos as mesmas”.
Vega subliñou: “Nós o que queremos é investir, pero que haxa unha conservación de todo o noso equipamento. Tamén estamos adecentando os entornos onde están as sinais, pois moitas delas estaban rotas, outras tiradas, outras xa non existían. E iso tamén ímolo ir mellorando por todas as parroquias, naquelas nas que so hai que facer unha conservación, un mantemento da señalética, e noutros casos temos que facer unha planificación de nova sinalización para as parroquias. Todo, pouquiño a pouco, investindo para seguir mellorando as nosas parroquias”.