O Concello de Ribadeo quere restaurar a Biblioteca El Viejo Pancho

O Concello de Ribadeo vén de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia para acometer melloras na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, segundo anunciou a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. A falta de mantemento nos últimos anos provocou o deterioro da fachada, con humidades e desconchados que afectan á conservación do edificio.
“A Biblioteca é un espazo moi dinámico, con gran número de usuarios e actividades, pero presenta numerosas deficiencias. Por iso pedimos axuda á Xunta para iniciar os primeiros arranxos”, explicou Sanjurjo. Recentemente, xa se mellorou a accesibilidade coa instalación dunha rampla na entrada e agora a prioridade será restaurar as fachadas interiores deste acceso, afectadas polas filtracións de auga.
Ademais, transformarase unha antiga sala de informática en desuso nunha nova sala de estudo, especialmente pensada para persoas que preparan exames ou oposicións. Para iso, será necesario instalar novo mobiliario e, sobre todo, un sistema de calefacción, xa que actualmente non existe nesta parte do edificio. Tamén se colocarán deshumidificadores en determinadas salas para garantir a correcta conservación dos fondos bibliográficos.
Outras melloras previstas inclúen o cambio de luminarias por iluminación LED na planta baixa, a instalación de novos expositores e a adecuación do patio exterior para a realización de actividades ao aire libre durante o verán.
“Iremos avanzando pouco a pouco, como xa fixemos na escola de música”, indicou Sanjurjo. A edil recoñece que a Biblioteca precisa reformas de maior envergadura, como a renovación da cuberta, das ventás e do sistema de calefacción, pero sinala que estas actuacións resultan inviables por agora. “O abandono das instalacións municipais durante anos fixo que os problemas se agravasen, cando poderían terse solucionado progresivamente”, concluíu.