O Concello de Ribadeo procederá a recuperar o lavadoiro de Rinlo
O Concello de Ribadeo coa axuda da Xunta procederá a recuperar o lavadoiro de Rinlo. O alcalde, Dani Vega, subliña o traballo realizado “para ir recuperando pouquiño a pouco o patrimonio que é de todos”. O rexedor dixo que “seguimos xestionando orzamento e neste caso falamos da recuperación do patrimonio, da recuperación do lavadoiro de Rinlo". En primeiro lugar, agradece á asociación de veciños "por facer un traballo conxunto, por axudar, por interesarse en recuperar o que é de todos e por coidar o que vén sendo o patrimonio que hai en Rinlo".
Van seguir traballando conxuntamente, "que así é como se deben facer as cousas. E tamén teño que darlle as grazas á Xunta por entender que debe axudar a este Concello a recuperar o patrimonio”. Vega explicou que se trata dun lavadoiro que é significativo en Rinlo, que levaba moitos anos abandonado, tamén a súa contorna. "Imos recuperar o que é de todos. Imos eliminar todo o que vén sendo a cuberta, retellar de novo, recuperar os piares, limpar e mellorar e conservar tamén o piar do lavadoiro".
En definitiva, van recuperar un lavadoiro tradicional "que hai poucos ou ningún en toda a contorna, desta forma tan típica como lavadoiro e tamén como estrutura onde se lavaba a roupa”. Ademais, van instalar unha iluminación para que se vexa e se poida observar de noite tamén o patrimonio de todos. E consideran importante recuperar, non soamente a estrutura do lavadoiro, "senón tamén a contorna que hai no lavadoiro que estaba certamente abandonada”. Vega destacou a inversión de preto de 15.0000 euros, "que vai significar unha mellora de dous puntos que certamente estaban abandonados e tiñamos que mellorar”.