O Concello de Ribadeo presenta un orzamento para 2019 de máis de 9,2 millóns de euros

TerraChaXa | AMariñaXa
O orzamento do Concello de Ribadeo para 2019 ascende a máis de 9.
22 Xan 2019

O orzamento do Concello de Ribadeo para 2019 ascende a máis de 9.200.000 euros. O edil de Economía e Facenda, Vicente Castro, subliña que se consolida o investimento e que se incrementa o gasto social. O presuposto someterase a debate e aprobación no pleno ordinario.
Castro explicou que “o orzamento de 2019 ascende a 9.205.958 euros, uns 270.000 euros menos que o ano anterior. O presuposto municipal de Ribadeo consolídase xa por enriba dos 9 millóns de euros permanentemente. Inclúe arredor de 1.150.000 euros para investimentos, a maioría con cargo a fondos propios do Concello, e van repartidos máis ou menos a un 50 por cento entre a vila e o rural, preferentemente en rúas periféricas de Ribadeo, onde había moito pendente por facer, e en asfaltados no rural con aglomerado asfáltico. É unha liña iniciada xa hai uns anos e que agora se consolida cunha dotación importante de fondos”.
Para o concelleiro de Economía e Facenda “hai que ter en conta que a isto váiselle engadir o Plan Único da Deputación Provincial, de colaboración cos Concellos, que ascenderá a uns 300.000 euros, polo que en total serán 1.500.000 euros de investimento anual para Ribadeo, que son cifras importantes e que permiten poder facerlle fronte ás infraestruturas primordiais”.
Castro sinalou que “dentro deste capítulo de investimentos vai contemplada unha partida para a drenaxe e reposición do céspede do campo de fútbol Pepe Barrera, con ese convenio que propuxemos á Deputación e á Xunta, a tres partes, para financialo. O proxecto está practicamente listo para presentar e en canto teñamos o orzamento dirixirémonos de novo ás distintas administracións para poder acometer este investimento neste verán que vén”.
O edil ribadense engadiu que “en liñas xerais no orzamento sube o gasto social en dous apartados primordiais, que son a atención a dependentes e a achega por parte do Concello á Deputación para a xestión da residencia de maiores. Son as partidas que maior subida teñen no orzamento e o resto de gastos e partidas xerais e proxectos mantéñense. En resumen no orzamento deste ano consolídase o investimento e aumenta o gasto social”.

0.087577104568481