O Concello de Ribadeo pon en marcha novas medidas fiscais
O Concello de Ribadeo pon en marcha medidas fiscais para aliviar a situación pola que está a atravesar a veciñanza e o empresariado ribadense, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso. Así non cobrará ou devolverá (no caso de que xa fosen pasados ao cobro) aquelas taxas de servizos que se viron suspendidos polo estado de alarma como a da piscina municipal, a da escola de música, as das escolas deportivas municipais, as dos mercados dos mércores e dos sábados, as das terrazas, a da ORA ou da axuda no fogar, entre outras. Tampouco se cobrarán os recibos de subministro de auga e recollida do lixo a aqueles locais comerciais e hostaleiros que están pechados desde que se decretou o estado de alarma.
Vizoso explicou que “na situación excepcional na que nos atopamos, en pleno estado de alarma acordado polo Goberno do Estado a consecuencia da crise sanitaria ocasionada polo coronavirus, desde o Concello de Ribadeo decidimos, dentro das posibilidades que nos permite a legalidade, adoptar unha serie de decisións en materia económica e dos recursos e ingresos públicos, que van dirixidas a aliviar na medida do posible a situación dos nosos veciños e actividades comerciais”.
O edil de Economía subliñou que “en primeiro lugar decídese non cobrar ou ben devolver, se xa estivesen pagados, os importes correspondentes ás taxas e aos prezos públicos dos servizos e das actividades que quedaron prohibidas ou suspendidos durante a declaración do estado de alarma e mentres dure esta situación. Son a taxa polo estacionamento de vehículos na zona ORA; a taxa polo uso da piscina municipal; a taxa da escola de música e das escolas deportivas municipais; a taxa polo servizo de mercado no que se refire ao dos mércores, dos sábados e ao de artesanía na rúa Rodríguez Murias; a taxa pola ocupación pública das terrazas; a taxa pola reserva de espazos e inmobles de uso público para aquelas autorizacións que non se puideran ter levado a cabo; a taxa pola ocupación das zonas públicas ou de terreos de uso público con mercancías, con materiais de construción, con andamios e similares na medida na que se ven suspendidas para a execución destas obras; e o prezo público do Servizo de Axuda no Fogar para aqueles usuarios aos que lles foi suspendido por diferentes causas”.
O concelleiro ribadense indicou que “en segundo lugar decídese tamén non cobrar ou devolver as taxas do subministro de auga potable e da recollida do lixo para aquelas actividades que se viron obrigadas a pechar os seus establecementos polas decisións de suspensión de actividade acordadas polo Estado ou pola Xunta de Galicia. E neste caso para garantir que se ten en conta a todos os afectados hai que facelo de xeito rogado, é dicir precisarase unha solicitude presentada polos afectados nun procedemento simplificado, polo que simplemente deberán achegar a súa alta no IAE ou algunha outra documentación acreditativa da súa actividade para comprobar que se corresponde coa relación de actividades suspendidas. Danse instrucións tamén aos distintos servizos do Concello para que non se pasen ao cobro os tributos e as taxas das actividades indicadas anteriormente ou ben que se inicien os trámites para a súa devolución de oficio, no caso de que xa fosen pagados con anterioridade”.
Pablo Vizoso engadiu: “e finalmente tamén se decide dar traslado á Deputación de Lugo, xa que é a entidade que ten delegada a xestión e a recadación dos principais impostos do Concello, para que adopte as medidas necesarias e trate de minimizar a incidencia desta crise actual na situación económica dos nosos veciños, dos profesionais e dos comerciantes, empresarios e empresarias de Ribadeo, como poden ser o adiamento da presentación ao cobro dos impostos de vehículos de tracción mecánica, do IBI e do IAE cara aos últimos meses do ano, para facer fronte ao pagamento con menores problemas; e tamén o fraccionamento de todos os impostos, como por exemplo fai o Estado co imposto da Renda, e sen aplicación de xuros”.