O Concello de Ribadeo organiza un homenaxe a Víctor Moro
O Concello organiza un acto homenaxe a Víctor Moro, recoñecido economista e fillo predilecto de Ribadeo, que será este mércores, 3 de agosto, ás 20 horas no Teatro. Víctor Moro: Todos os mares na Ría de Ribadeo será unha conversa á que asistirán varios expertos e catedráticos.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “este mércores, 3 de agosto, e en colaboración coa súa familia, imos celebrar un acto de homenaxe a Víctor Moro. Este ribadense, nacido en 1926, destacado economista e empresario e que tivo un papel relevante na escena política galega, e ostenta tamén o título de fillo predilecto de Ribadeo, agora co gallo do traslado das cinzas ao noso concello, vai ser obxecto dunha homenaxe, que aínda que é protocolaria quere facerse con todo o cariño e todo o recoñecemento”.
O rexedor seguiu a relatar que “como diciamos, este mércores as oito da tarde no teatro, vai ter lugar unha tertulia para achegarnos a parte profesional e persoal de Víctor Moro, e leva por nome Víctor Moro: Todos os mares na Ría de Ribadeo. Nela van participar Antón Costas Comesaña, que é catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona e tamén é Presidente do Consello Económico e Social de España. Pola outra banda vai estar Bieito Rubido Ramonde, que é xornalista e foi director de La Voz de Galicia, e tamén vai participar Lourenzo Fernández Prieto, que é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago”.
Suárez Barcia anima a asistir a este acto: “queremos convidar a toda a veciñanza de Ribadeo e a toda aquela outra xente do resto da comarca que queira acudir a este acto de recoñecemento a unha persoa que sempre defendeu e estivo moi vinculado á súa terra de nacemento”.