O Concello de Ribadeo mellora a área recreativa de Santa Cruz
O Concello de Ribadeo realiza traballos de recuperación e mellora da área recreativa de Santa Cruz coa axuda da Xunta de Galicia e coa coordinación da Comunidade de Montes. O alcalde, Dani Vega, explicou que seguen “colaborando coa Comunidade de Montes de Santa Cruz e nestes momentos estamos actuando nun desmeste das árbores, mellorando todo o solo da área recreativa, o miradoiro de Santa Cruz e tamén os monumentos, como é o monumento ao gaiteiro e tamén a cruz”.
O rexedor dixo que “estamos facendo un traballo de recuperación dun espazo medioambiental, dun pulmón de Ribadeo, dese lugar que todos adoramos e queremos, que é Santa Cruz, e desde logo tamén estamos mirando un espazo turístico que debemos poñer en valor”.
O ano pasado xa se fixeran actuacións de poda e roza, “pero neste ano xa quedaramos en facer ese desmeste de árbores. Non tiña moito sentido permitir que Santa Cruz seguira así, cunha invasión de árbores, e hai que seguir traballando para recuperar todo un espazo que é moi importante para Ribadeo, desde un punto de vista medioambiental pero tamén desde un punto de vista turístico”.
Tamén están a traballar para recuperar a Casa da Ría. “En breve informaremos porque xa temos unha proposta clara para renovar todo o edificio e tamén enchelo de contido”. O alcalde agradeceu á Comunidade de Montes de Ove “por todo ese traballo que fai de coordinación, de colaboración co Concello e de posta en valor dun espazo tan importante como é Santa Cruz”.