O Concello de Ribadeo leva a consulta veciñal unha ordenanza contra o ruído

AMariñaXa
O Concello de Ribadeo saca a consulta dos veciños unha ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica.
28 Feb 2021

A Concellaría de Medio Ambiente prepara unha ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica, que toma como referencia a que está vixente en Galicia desde 2018. A partir do vindeiro luns, 1 de marzo, estará colgada na web do Concello para que as persoas interesadas en aportar ideas o poidan facer durante un período de 10 días hábiles.

O edil nacionalista explicou que “actualmente o Concello de Ribadeo conta coa ordenanza municipal de protección medio ambiental, cuxa substitución está en fase de tramitación. Nin a que está vixente nin a proposta para a súa substitución regulan a problemática da contaminación acústica do Concello. E de acordo coa lei reguladora das bases do réxime local é competencia propia dos municipios ou Concellos a protección contra a contaminación acústica das zonas urbanas”.

Díaz Freije subliñou que “por iso propoñemos para que se inicie a tramitación necesaria para a súa aprobación da proposta da ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Galicia (ORDE do 26 de novembro de 2018 pola que se aproba a proposta de ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Galicia - DOG Núm. 238, venres, 14 de decembro de 2018) como ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica do Concello de Ribadeo. Trátase dunha normativa moi técnica e moi complexa e queremos partir dela”.

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “deste xeito abrimos un prazo de dez días hábiles para que calquera persoa que desexe aportar algo o faga. Despois esta ordenanza someterase á súa aprobación inicial a través do pleno e establecerase outro período de trinta días hábiles de exposición pública para aportar máis información ou alegacións. A proposta de ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Ribadeo estará exposta na web municipal no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Ribadeo”.

0.12882709503174