O Concello de Ribadeo está a mellorar as escolas das parroquias
O Concello mellora as escolas das parroquias. Xa actuou na contorna da de Vilaselán e no local da Rochela. O alcalde, Dani Vega, declarou que “desde o Concello de Ribadeo seguimos investindo e rehabilitando as escolas das parroquias, os locais sociais nos que as asociacións fan moita da súa actividade e tamén o propio Concello a que promove todos os días”.
O alcalde lembrou que “xa se actuou en Vilela, en Piñeiro, en Couxela, tamén na escola de Piñeira, en Rinlo, en Vilamariz e en Noceda. Eses proxectos que financiou 100% a Deputación de Lugo, quérolle agradecer o seu traballo e a inversión realizada, son proxectos que quedaron do anterior goberno. E nós nestes cinco meses escasos que levamos xa activamos inversión en Vilaselán, mellorando toda a contorna da escola, e tamén mellorando edificio que nos quedaba que era A Rochela, porque anteriormente desde a oposición xa fomos xestionando inversión coa Xunta para mellorar concretamente a escola e agora quedaba o edificio, a casa que estaba ao lado mesmo”.
Dani Vega subliñou “ese traballo continuo de xestión e de preocupación por ter as nosas escolas rehabilitadas e nos imos traballar nesa liña rehabilitando os edificios e tamén algo importante, que é encher de contido e de actividade estes locais sociais. Nese traballo de xestión e de escoita permanente ás asociacións é no que está o Concello de Ribadeo”.