O Concello de Ribadeo destina 100.000 euros á mellora de estradas no marco do Plan Avanza Rural

AMariñaXa
As actuacións céntranse en Piñeira, Vilar Dompiñor e Vilaselán, cun proxecto que responde ás demandas veciñais e aposta pola planificación a medio prazo
RIBADEO-Plan-Avanza-Rural-2025-Pineira-na-zona-de-Vilar-Dompinor
24 Sep 2025

O Concello de Ribadeo vén de anunciar un investimento próximo aos 100.000 euros para a mellora de varias vías municipais a través do Plan Avanza Rural. O alcalde, Dani Vega, explicou que estas actuacións forman parte dunha estratexia planificada de investimentos que responde ás necesidades trasladadas polas asociacións veciñais en diferentes encontros.

Os traballos xa están en marcha en Piñeira, na zona de Vilar Dompiñor, e en Vilaselán, no tramo que conecta a Torre con Pena Furada. “Son estradas que se atopaban moi deterioradas, con pavimentos destrozados, e que ata agora só puidemos manter con labores de bacheo”, sinalou o rexedor.

Vega destacou que a filosofía do goberno local é programar as intervencións con antelación, dentro dunha folla de ruta que permita atender progresivamente as demandas cidadás. “No plan do 24 actuamos en varias vías, e agora, co Plan Avanza Rural de 2025, estamos a acometer melloras nas estradas que previamente planificamos cos veciños e coas asociacións”, apuntou.

O alcalde recoñeceu que aínda queda moito por facer, especialmente en determinadas zonas como Dompiñor, pero insistiu en que o obxectivo é avanzar paso a paso, sempre buscando financiamento e optimizando recursos. “Con esta achega de preto de 100.000 euros seguimos mellorando as comunicacións locais. Pode que non sexa todo o que precisamos, pero pouco a pouco Ribadeo vai avanzando”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.088862895965576