O Concello de Ribadeo cualifica de "exitosa" a súa Campaña das Panchas

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, destaca que supuxo unha inxección económica para todo o tecido comercial
ribadeo-presentacion-Panchas-1
2 Jan 2025

A campaña das Panchas, a moeda local do Concello de Ribadeo, rematou este 31 de decembro e foi cualificada de "exitosa" polo alcalde, Dani Vega. Durante máis de tres meses foron canxeadas preto de 240.000 panchas.

O rexedor dixo que “remata toda unha exitosa campaña das Panchas, a nosa moeda local. Supuxo unha inxección económica a todo tecido comercial de Ribadeo. Polo tanto, creo que os datos falan por si mesmos. Foron 240.000 panchas vendidas, iso supón toda unha inxección económica para todo un tecido comercial e unha colaboración económica para as persoas que veñen a Ribadeo comprar e unha colaboración económica a todo un tecido, a toda unha estrutura comercial”.

Vega lembrou que “empezabamos en setembro, xa tendo en conta que había que axudar a moitas familias que querían comprar o material escolar e isto supón unha colaboración económica para esas familias, e sen lugar a dúbida tamén un reforzo para todo o comercio. E todo o que implica durante esta campaña de Nadal un reforzo de 240.000 Panchas, que supón que investimos 85.000 euros en total na campaña das Panchas”.

Para o alcalde ribadense: “Os datos son positivos. Seguiremos traballando para mellorar e para facer posible que esta campaña volva empezar en setembro, porque parece moi importante reforzar desde setembro, xa que se incrementan os gastos. Un resultado moi positivo, repito, esas 240.000 panchas, 85.000 euros que foron investidos por parte do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia, xa que é importante tamén a colaboración que tivemos da Dirección Xeral de Comercio con ese reforzo para as panchas de 20.000 euros”.

O Concello de Ribadeo contou nesta campaña coa colaboración de Acisa. A súa presidenta, Carmen Cruzado, destacou “a importancia que ten para os negocios locais a campaña da Pancha, que chegou á súa sexta edición. Implica que a veciñanza siga a apostar polos comercios e pola hostalería locais durante máis de tres meses. Cada persoa empregou as panchas adaptándoas ás súas necesidades: para a volta ao cole, para comprar artigos para o inverno ou para mercar os agasallos de Nadal. Trátase da combinación perfecta para seguir apoiando aos negocios de Ribadeo”.

 

0.16223907470703