O Concello de Ribadeo anticipa 25.000 euros aos clubs deportivos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que co obxectivo de dar liquidez aos clubs deportivos locais estes días o Concello de Ribadeo está a realizar anticipos das subvencións nominativas establecidas nos orzamentos municipais.
1 Out 2020

O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que co obxectivo de dar liquidez aos clubs deportivos locais estes días o Concello de Ribadeo está a realizar anticipos das subvencións nominativas establecidas nos orzamentos municipais. O rexedor explica que se está a abonar ata o 80% desas subvencións cando son solicitadas polos clubs. Da partida de 46.000 euros destinada para o deporte xa foron abonados 25.000 euros.

Fernando Suárez declarou que “con esta situación complexa para todo o mundo e tamén para o asociacionismo deportivo local, que é unha situación grave, desde o Concello de Ribadeo, no que estea na nosa man para favorecerlles a liquidez, o que plantexamos para este ano e para os sucesivos é a posibilidade de poder dar anticipos das subvencións nominativas que temos establecidas nos orzamentos municipais”.

O alcalde dixo que “para este ano a partida de subvencións nominativas en deporte son uns 46.000 euros e nestes días estamos pagando ata o 80%, cando os clubs nolo solicitan. De aí que xa anticipáramos 25.000 euros con cargo a estas subvencións nominativas para o Ribadeo FC, para o Cubelas Fútbol Sala, para o rugby, para o atletismo e para a SD Ribadeo”.

Suárez Barcia adiantou que “ao marxe disto, todas aquelas outras subvencións de concorrencia competitiva para este ano, no que ten que ver con actividades deportivas e eventos, que ascende a unha bolsa de 6.000 euros, nos próximos días abrirase o prazo para que se poidan solicitar, porque queremos dar liquidez para estes momentos complicados para o mundo do asociacionismo deportivo”.

0.16287112236023