O Concello de Ourol organiza un curso sobre prevención de infeccións

O Concello de Ourol acollerá o vindeiro 3 de abril ás 17:00 horas no Edificio Multiusos un curso sobre prevención de infeccións, unha iniciativa que busca concienciar á cidadanía sobre a importancia da hixiene e o correcto uso dos antibióticos para frear a propagación de enfermidades.
A actividade, impulsada pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), abordará diferentes aspectos relacionados coas enfermidades infecciosas, entre eles: a diferenza entre virus e bacterias, os mecanismos de transmisión, consellos de prevención e a importancia da hixiene de mans. Así mesmo, farase especial fincapé no uso axeitado dos antibióticos para evitar resistencias bacterianas.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do Departamento de Servizos Sociais, chamando aos teléfonos 982 559 109 ou 677 489 457. Tamén se pode formalizar a inscrición a través da web do Servizo Galego de Saúde, no seguinte enlace.